Banda de Música
Municipal de Valga
Fundada en 1996
A xénese da Banda de Música Municipal dáse en paralelo á creación da Escola de Música Municipal de Valga no ano 1996.
Trátase do único centro deste tipo na zona. Dende o principio contou con máis de 50 alumnos que grazas ó traballo de 2 profesores se formaron nos primeiros rudimentos da práctica musical.
Os froitos agromaron axiña e xa en 1999 o alumnado que a acudía ás clases medrara a 130. O mesmo sucedeu co mestrado, que pasou a comporse por 15 profesionais para as máis variadas especialidades musicais.
Os vimbios eran firmes e así se fundou a Banda de Música Municipal de Valga, que leva en activo dende o Día das Letras Galegas de 1999.
Actividades
Polo aumento de oferta e demanda musical en Valga, fóronse implementando outras actividades como son o coro, o grupo de vento madeira, o grupo de vento metal, o grupo de percusión, o grupo Orff, a Big Band e a Big Band infantil. Co paso do tempo creáronse ademais a Xove Banda e a Banda Infantil, onde se forman os futuros músicos da nosa agrupación.
Xa máis recentemente naceu unha Orquestra Clásica, que é das poucas existentes en Galicia no ámbito afeccionado.
O concerto de presentación da Banda de Música Municipal de Valga tivo lugar no I Festival Letras Galegas do ano 1999 celebrado en Valga. Tivo gran éxito na crítica e posteriormente participou en numerosos festivais e concertos por toda a xeografía galega ou fora da mesma: Luarca, León, Zamora, Palencia, Segovia, Tarragona, Madridejos (Toledo), Getxo, Troviscal, Estarreja, Viana do Castelo, Vilanova de Cerveira, Bragança, Gimarães (estes seis últimos lugares do veciño Portugal), Madrid (celebrado no Quiosco da Música do Parque del Retiro dentro da programación da Banda Sinfónica de Madrid), Oviedo e Salamanca.
Actividades anuais
Entre as súas actividades anuais, destaca o Campamento Musical celebrado todos os veráns dende o ano 1999 nos máis diversos lugares: Allariz, Portomarín, Luarca, León, Zamora, Palencia, Segovia, Tortosa, Badajoz, Alcalá de Henares, Bilbao, Viana do Castelo, Vilanova de Cerveira, Madrid, Ourense, Oviedo, Bragança, Gimarães, Salamanca, Padrón e Astorga.
Asemade organizan cada ano o ciclo Música coas Nosas Bandas e Orquestras que mes tras mes programa un concerto dalgunha das mellores agrupacións de música galegas no Auditorio Municipal. Tamén hai unha colaboración co Concello de Valga no Ciclo de Música de Cámara nas Igrexas de forma que se programan pequenos concertos nos templos e capelas do concello todos os meses.
Ademais da participación en intercambios musicais e en festas populares, tamén debemos destacar a súa produción discográfica, a través das gravacións Melodías Populares (2005) presentada durante unha xira por Buenos Aires e Melodías do Mundo (2011).
Concertos
A Banda de Música desenvolve un programa de concertos baixo a batuta de directores e directoras convidados e convidadas dende o 2009. Contaron cos nomes de: Xosé Carlos Seráns Olveira (2009), Francisco Javier Morgade Dobaño (2010), David Fiuza Souto (2011), Fernando Rodrigo Serral (2012), Carlos Cabaleiro López (2013), Adriana Tanus Molina e Carles Lorente (ámbolos dous no 2014), Alberto Arribas García (2015), Diego Fortes Conde (2016), Emilio Cabello (2018) e Ana Belén Rubio Maganto (2019).
Dirección
Na actualidade a Banda de Música Municipal de Valga confórmana máis de 80 músicos e músicas e o seu director, Manuel Villar Touceda.
Palmarés
Certame Galego de Bandas de Música, Xunta de Galicia:
2018
1º premio (1ª Sección) e premio á mellor dirección musical.
2013
3º premio (1ª sección).
2010
3º premio e premio á mellor interpretación de obra de temática galega (1ª sección).
2007
1º premio (2ª sección).
2017
Premio á mellor interpretación de obra de temática galega (3ª sección) coa Xove Banda de Valga.
2012
2º premio (1ª sección).
2009
1º premio (1ª sección).
2015
3º premio (1º sección).
2011
3º premio (1ª sección).
2008
3º premio (1ª sección).
Certame Provincial de Bandas de Música, Deputación de Pontevedra:
2014
3º premio (1ª sección).
2010
2º premio (1ª sección).
2006
2º premio (3ª sección).
2012
2º premio (1ª sección).
2009
3º premio (1ª sección).
2005
3º premio (3ª sección).
2011
2º premio (1ª sección).
2007
1º premio e mención de honra (2ª sección).
Certame Zonal de Bandas de Música, Deputación de Pontevedra:
2008
2º premio (1ª sección).
2009
1º premio (1ª sección).
2010
1º premio (1ª sección).
Escríbenos
Responsable do tratamento: Asociación Cultural Musival. Finalidades: Xestión das consultas recibidas dende a web. Lexitimación: O interese lexítimo de ambas partes. Destinatarios: Non se efectuará comunicación a outras entidades, salvo obriga ou necesidade legal. Tampouco transferencias a terceiros que non ofrecen garantías adecuadas. Dereitos: Acceder, rectificar e suprimir os datos e outros dereitos, como se explica na política de privacidade. Procedencia dos datos: Do interesado.