Espectáculos

Creamos proxectos orixinais con ideas únicas e innovadoras, sumando os mellores talentos musicais e escénicos do momento e creando experiencias sensoriais que se fixan nas retinas dos nosos espectadores e espectadoras.

Carmina Burana

Unha ambiciosa produción baseada na tradución íntegra dos textos medievais ao galego, con música do século XX da man de Carl Orff interpretada por músicos galegos nunha montaxe musical e dramatúrxica con máis de 150 artistas no escenario.

Dirixido por Manuel Villar Touceda e interpretado pola Banda de Música Municipal de Valga, o coro infantil da escola municipal e o coro Gli Appassionati e tres solistas (soprano, tenor e barítono), este

Carmina Burana en galego exemplifica a busca de Orff dun formato que revele o poder elemental da música, permitindo ao oínte experimentala como unha forza primitiva e abrasadora.

Un espectáculo a cargo da Banda de Música Municipal de Valga, os solistas Esperanza Mara Filgueira (soprano), Enrique Alberto Martínez (tenor) e Eliseu Mera (barítono), ademais do coro Gli Appassionati.

Banda de Valga Espectáculos

Músicas de domingo

Un concerto espectacular no que os máis 80 músicos e músicas da Banda de Música Municipal de Valga, baixo a batuta de Manuel Villar Touceda, se poñen ao servizo da música tradicional, canción de autor e música popular do cantareiro Nelson Quinteiro. Así crean unha experiencia sinfónica con moitísima forza e ofrecen momentos máxicos e conmovedores.

O disco “Músicas de Domingo”, segundo traballo discográfico de Nelson Quinteiro xunto ao pianista González, chega así ao formato orquestal grazas á amizade e colaboración que dende os útimos anos vén trazando coa Banda de Música Municipal de Valga, coa que xa colaborou na montaxe “En Clave de Castelao”.

Arranxado por Nelson Quinteiro, Gerardo Amigo e Brais González na súa edición discográfica, agora ponse nas mans e talento de Manuel Villar Touceda e lago Sobrino Martínez para esta posta en escea sinfónica.

Un disco, xa de por si enormemente cinematográfico, que pasa a unha dimensión épica grazas a esta proposta que xa está dispoñible para chegar a salas, teatros ou auditorios, pero tamén a prazas, palcos da música ou escenarios ao aire libre.

En Clave de Castelao

A Asociación Cultural Musival e a Banda de Música Municipal de Valga, en colaboración con outras entidades como o Concello de Valga ou a Compañía Nelson Quinteiro, organizaron un concerto a cargo da citada banda o sábado 1 de outubro de 2017 no Auditorio Municipal.

Coa celebración deste acto iniciouse a quinta tempada do Ciclo Música coas Nosas Bandas que, grazas ao notable éxito acadado, seguiu a subir ás táboas valguesas a numerosas Bandas de Música Populares galegas un mes tras outro.

No tocante ao elemento asociativo, este evento tamén servíu para homenaxear aos máis de 300 socios que ten a Asociación Cultural Musival e que ano tras ano apoian coa súa colaboración e aportacións todas as actividades organizadas.

O concerto, dirixido por Manuel Villar Touceda, titulouse En Clave de Castelao e enmarcouse dentro do proxecto Ano Castelao, lanzado pola Deputación de Pontevedra para fomentar as actividades culturais e artísticas na provincia.

Durante o mesmo, os espectadores realizaron unha viaxe pola vida e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a través da música, xunto con varias intervencións de danza e pintura ao vivo, e grazas á guía dun narrador.

 

​A conmemoración deste Ano Castelao tivo lugar polo centenario da chegada do insigne rianxeiro á cidade de Pontevedra para tomar posesión da súa praza de funcionario no Instituto Xeográfico Estadístico (1916).

O programa foi o seguinte:

– ​Aires de Pontevedra de Adonis Ferreiro.
– Fantasía Rianxeira de Xosé Carlos Seráns.
– Danza Macabra de Camille Saint-Saëns.
– Retrincos de David Fiuza.
– Para Vigo me voy de Ernesto Lecuona.
– La Cumparsita de Gerardo Matos.
– Lela de Rosendo Mato.
– Alborada Galega de Pascual Veiga.

​A totalidade do programa a interpretar preparouse durante os primeiros días do mes de agosto no tradicional Campamento Musical de Verán da Escola de Música Municipal de Valga celebrado en Oviedo.

Escríbenos

New Field

8 + 3 =

Responsable do tratamento: Asociación Cultural Musival. Finalidades: Xestión das consultas recibidas dende a web. Lexitimación: O interese lexítimo de ambas partes. Destinatarios: Non se efectuará comunicación a outras entidades, salvo obriga ou necesidade legal. Tampouco transferencias a terceiros que non ofrecen garantías adecuadas. Dereitos: Acceder, rectificar e suprimir os datos e outros dereitos, como se explica na política de privacidade. Procedencia dos datos: Do interesado.